Friday 03 de May de 2024

Os alcaldes promotores do Camiño a Santiago pola Ría de Muros-Noia márcanse o obxectivo de telo oficializado como ruta xacobea no 2021


 

Os nove concellos promotores asinaron hoxe un convenio para a delimitación do itinerario cultural a Santiago pola Ría de Muros-Noia

O Pazo de Raxoi acolleu hoxe o acto de sinatura do convenio de colaboración entre os Concellos de Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rois e Santiago para a delimitación do itinerario cultural a Compostela polo ría de Muros-Noia. “Este é o segundo paso que se fai para o recoñecemento deste itinerario”, explica a alcaldesa de Lousame e representante desta agrupación de municipios, Teresa Villaverde, quen márcase como obxectivo “poder entregar o trazado antes de que remate a actual lexislatura e traballar para conseguir a súa oficialización como ruta Xacobea co horizonte do Xacobeo 2021”.

O acordo foi subscrito polos alcaldes e alcaldesas de Ames, José Miñones; Brión, José Luis García; Lousame, Teresa Villaverde; Noia, Santiago Freire; Outes, María Beatriz Molinos; Porto do Son, Luis Oujo; e Compostela, Martiño Noriega. Tamén asinaron o documento, en ausencia dos seus respectivos alcaldes, o concelleiro de Promoción Económica de Muros, José Antonio Uhía Martínez; e o alcalde en funcións de Rois, Manuel dos Santos Rodríguez. Ao acto tamén asistiron concelleiros e concelleiras dos diferentes municipios como a concelleira de Turismo de Ames, María Isabel González; o concelleiro de Cultura de Noia, José Pérez; ou o concelleiro de mobilidade de Santiago, Jorge Duarte.

Obxecto do convenio

O convenio asinado hoxe ten como obxectivo regular a colaboración entre os concellos de Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rois e Santiago na elaboración da proposta de delimitación do itinerario cultural a Santiago da ría de Muros-Noia e, en particular, a contratación da asistencia técnica para realizar estes traballos. Para a súa licitación establécese un orzamento máximo de 18.148,79 euros, IVE incluído, que será achegado proporcionalmente por todos os concellos, en función dos quilómetros de trazado de camiño en cada un deles.

Teresa Villaverde explicou que “terá que ser un traballo rigoroso, que esperamos poder contratar en xaneiro e 2019 e poder entregalo antes de que remate a lexislatura”. O convenio asinado hoxe designa ao Concello de Lousame como representante da agrupación de Concellos e responsable técnico e administrativo da súa xestión, de xeito que se encargará de contratar a asistencia técnica e de establecer as interlocucións que sexan precisas con outras administracións, nomeadamente coa Xunta de Galicia.

Recoñecemento como ruta histórica

O obxectivo dos nove concellos é que este itinerario sexa recoñecido primeiro como ruta histórica, e posteriormente obteña a declaración oficial de Camiño de Santiago. Para iso, xa se ten avanzado na recompilación de diferente documentación histórica, grazas ao financiamento da Asociación Rural de Desenvolvemento Ría de Muros-Noia. O estudo elaborado, tal e como lembrou a alcaldesa de Lousame, sinala que “hai unha base sólida para demostrar a historicidade deste itinerario de peregrinación”. Agora, apuntou Teresa Villaverde, “realizarase un traballo de campo intensivo para determinar a delimitación do trazado definitivo, e facerlle chegar as conclusións á dirección xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia”.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, aproveitou o acto para agradecer a colaboración de todos os concellos “con independencia de cores políticas, para participar nun proxecto que afrontamos con ilusión no horizonte do Xacobeo de 2021”. Segundo explicou, “estamos convencidos e convencidas de que a ruta da ría de Muros-Noia é merecente de recibir o recoñecemento como Camiño de Santiago, se ben será a Xunta de Galicia quen teña a última palabra ao respecto”.